CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta garante a máxima firmeza na defensa ante o Goberno de España dunha transición enerxética planificada que teña en conta o futuro da actividade e o emprego asociados ás centrais térmicas

A Administración autonómica asegura que manterá unha interlocución permanente cos traballadores afectados pola inactividade das instalacións de Endesa

Avanza que se dirixirá ao Goberno de España para demandar que se estuden e impulsen medidas concretas para acompañar ao sector da enerxía térmica

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2019.- A Xunta de Galicia garantiu hoxe a máxima firmeza na defensa ante o Goberno central dunha transición enerxética planificada, consensuada e que teña en conta o futuro da actividade e o emprego asociados ás centrais térmicas.

Tras reunirse cos traballadores do transporte afectados pola falta de actividade nas instalacións de Endesa nas Pontes, a Administración autonómica asegurou que seguirán mantendo unha interlocución permanente con este colectivo para esixir que se manteñan todos os postos de traballo.

Ademais, a Xunta avanzou que se dirixirá ao Goberno de España para demandar que se estuden e impulsen medidas concretas para acompañar ao sector da enerxía térmica.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantiveron hoxe unha xuntanza con representantes do sector de transporte de mercancías afectados pola paralización da actividade das centrais térmicas. A esta reunión, a segunda celebrada esta semana e na que tamén participaron o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Tahoces, asistiron o presidente da Federación Galega de Transporte de Mercadorías (Fegatramer), Ramón Alonso, e o seu secretario xeral, José Carlos García Cumplido, ademais do presidente da Asociación do Colectivo de transportistas do carbón das Pontes, Manuel Bouza, entre outros.

Os representantes do Goberno galego e dos traballadores do transporte coincidiron en manifestar a súa preocupación polas consecuencias que está a xerar a continua improvisación do Executivo nas súas políticas enerxéticas, que responden, ademais, a decisións unilaterais e sen diálogo co resto de administracións públicas e cos sectores produtivos e de emprego directamente afectados.

Os conselleiros trasladaron a preocupación da Xunta por esta situación e polo feito de que o Goberno de España non lle traslade información sobre as súas previsións de actuación en relación coa transición enerxética e, de xeito particular, co futuro das centrais térmicas en Galicia.

Os traballadores expuxeron que preto de 200 transportistas do carbón relacionados coa actividade de Endesa levan máis de 2 meses de inactividade e que na xuntanza do pasado martes en Madrid, os representantes do Ministerio para a Transición Ecolóxica non ofreceron ningunha solución ao seu problema, máis alá da proposta de creación dunha comisión.

A Xunta lamentou que o Goberno de España non contemplase a súa participación nesa comisión, que considera unha mostra máis da improvisación que está a guiar o proceder do Executivo estatal en materia de política enerxética.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es