CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta executará un proxecto de mellora de seguridade viaria na estrada PO-510, en Budiño, no concello do Porriño, co fin de facilitar a mobilidade dos veciños nesta contorna

 Francisco Menéndez explica que esta actuación se desenvolverá no treito comprendido entre os puntos quilométricos 2 e 3 da citada vía autonómica
 

Sinala que a intervención incluirá a construción de dúas glorietas que posibilitarán realizar xiros con maior seguridade e calmarán o tráfico nesta zona

Indica que tamén se executarán sendas nas marxes da estrada, especialmente na zona de vivendas, para favorecer o tránsito peonil máis seguro e cómodo
 

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2019.- O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo hoxe unha xuntanza coa alcaldesa do Porriño, Eva García e representantes veciñais de Budiño, aos que lle trasladou que a Xunta executará un proxecto de mellora de seguridade viaria na estrada PO-510 co fin de facilitar a mobilidade nesta contorna.

Francisco Menéndez explicoulles detalladamente aos veciños esta actuación, que se desenvolverá no treito comprendido entre os puntos quilométricos 2 e 3 da citada vía.

Sinalou que a intervención incluirá a construción de dúas glorietas, unha no punto quilométrico 2+100 e outra no 2+500, que posibilitarán realizar xiros con maior seguridade e calmarán o tráfico nesta zona.

Indicou que tamén se executarán sendas nas marxes da estrada, especialmente na zona de vivendas, para favorecer o tránsito peonil máis seguro e cómodo.

Destacou que se disporá un paso de peóns cun semáforo con pulsador nas proximidades da glorieta, no punto no que os vehículos deben reducir a súa velocidade.

O director trasladoulles aos veciños o compromiso da Xunta de contar cunha proposta que recolla todas as accións proxectadas nun período aproximado duns tres meses para analizala con eles antes de sometela ao procedemento de información pública.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es