CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta lamenta a irresponsabilidade da oposición por divulgar falsidades sobre a auga do encoro de Caldas, ignorando máis de 1.300 resultados de análises que descartaron as toxinas

Ethel Vázquez lembra que a Xunta vai reformar a depuradora de Paradivas pese a ser unha responsabilidade do Concello de Caldas, que a mantén inactiva

A conselleira sinala que o PSdeG emprega a auga con oportunismo político pero non a xestiona con responsabilidade nos lugares onde goberna

Apunta que o Goberno galego leva investidos 14 millóns de euros en obras hidráulicas en Caldas e entregados 6,2 millóns de euros aos municipios da contorna do encoro para actividades sociais

A Xunta garante a calidade das augas a través dun completo protocolo de seguimento que se activa cando proliferan as algas, analizando 26 parámetros distintos e sendo referencia para outras demarcarcións hidrográficas
 

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, lamentou hoxe a “monumental irresponsabilidade” da oposición por divulgar falsidades sobre a auga do encoro da Baxe, en Caldas, ignorando máis de 1.300 resultados de analíticas que descartaron sempre ata agora a presenza de toxinas.

Vázquez Mourelle respondeu hoxe a unha pregunta no Pleno do Parlamento galego, ao que fixo entrega dunha copia dos resultados do historial de análises realizadas da auga do encoro de Caldas.

Na súa intervención, a conselleira sinalou que o PSdeG emprega a auga con oportunismo político pero non a xestiona con responsabilidade nos lugares onde goberna. Como mostra, indicou que vai ser a Xunta quen acometa a reforma da depuradora de Paradivas, en Caldas, pese a ser a súa xestión unha competencia do Concello, que a ten inactiva.

Engadiu que o Goberno galego leva investidos 14 millóns de euros en obras hidráulicas nese municipio e entregados 6,2 millóns de euros aos municipios do entorno do encoro para actividades sociais.

Ethel Vázquez lembrou que o pasado 28 de xuño, con motivo dunha visita do seu secretario xeral ao encoro da Baxe, o PSdeG divulgou que o encoro do Umia estaba afectado pola microcistina, unha toxina que nunca foi detectada nesa auga. Ese mesmo día coñecéronse os resultados das analíticas realizadas polo Laboratorio de Saúde Pública de Galicia que, unha vez máis, descartaban a presenza de microcistina no encoro.


“En Caldas, nunca se detectou presenza de toxina. E nunca, absolutamente nunca, exisitu risco algún relacionado coa alga do encoro. Dicir o contrario é mentir”, salientou.

Na súa intervención, a conselleira informou de que o pasado 24 de xuño activouse foi o protocolo de seguimento pola proliferación de cianobacterias –algas- no encoro da Baxe, o que supón a realización de estritos controis da calidade da auga para detectar a posible aparición de toxina, algo que nunca aconteceu en Caldas.

Vázquez Mourelle apuntou que a aparición destas algas é un fenómeno habitual en auga encorada en todo o mundo e, de feito, un estudo do CEDEX acredita que na metade dos encoros analizados hai cianobacterias abundantes ou dominantes. E, engadiu, tamén é habitual no embalse das Conchas, dependente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, unha conca estatal.

Explicou que cando se producen episodios de proliferación de cianobacterias, actívase un protocolo de inspección continuo que intensifica os controis sobre as augas de entrada e saída das estacións de tratamento e supón analizar un total de 26 parámetros. Ese método, que desde que hai rexistros, permitiu descartar en todas as ocasións a existencia de toxinas, é unha referencia mesmo para outras confederacións hidrográficas.

Xunto con iso, a conselleira salientou que a Xunta está a traballar en diferentes proxectos para reducir a proliferación de cianobacterias nos encoros e, en concreto, na Baxe. Así, ademais das obras previstas na depuradora de Paradivas, que trataran de reducir a achega de nutrientes ao encoro, estase a impulsar un proxecto para a recuperación do bosque de ribeira que protexe o río Umia, ademais de diferentes estudos.

 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es