CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Un total de 32 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués no barrio compostelán de Conxo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina un investimento superior aos 2,1 millóns de euros nesta actuación que impulsa a optimización das entradas na capital de Galicia das diferentes rutas xacobeas

A intervención no núcleo de Conxo de Abaixo permite a reordenación deste itinerario, mellorando a visual do peregrino ao longo da traza do camiño e reducindo o tránsito de vehículos, entre a glorieta coa SC-20 ata a rúa da Escurridía

A actuación inclúe a humanización da praza fronte o mosteiro para dotar a este barrio compostelán dunha zona emblemática de acollida e desfrute de peregrinos e veciños, que disporán da súa pequena praza do Obradoiro

Executarase unha praza que se prolongará ata o centro social, a escola infantil e centro de saúde, mantendo os plátanos actuais e o cruceiro na súa actual situación

De acordo cos veciños e empresas da contorna, restrinxirase a circulación na praza do mosteiro no sentido de subida, salvo para o autobús urbano e residentes

A Xunta continúa á espera de que o Concello de Santiago cumpra cos seus compromisos de cofinanciamento das intervencións planificadas neste programa de actuacións

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2019.- Un total de 32 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras do proxecto de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués no barrio de Conxo, no Concello de Santiago, cun orzamento que supera os 2,1 millóns de euros.

Esta actuación impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade neste barrio histórico da cidade, enmárcase na estratexia para optimizar as entradas na capital de Galicia das diferentes rutas do Camiño de Santiago, facendo que sexa claramente visible e identificable ao tempo que favorece o tránsito dos peregrinos sobre o tráfico rodado, así como a posta en valor e desfrute dos espazos polos que transcorre.

A intervención no núcleo de Conxo de Abaixo permite a reordenación do itinerario desta ruta, mellorando a visual do peregrino ao longo da traza do camiño e reducindo o tránsito de vehículos, entre a glorieta coa SC-20 ata a rúa da Escurridía. Tamén cabe sinalar a importancia que a dita actuación terá para os veciños do lugar.

Cómpre salientar entre as actuacións previstas neste barrio a actuación proxectada na praza fronte ao mosteiro de Santa María, para darlle unha dimensión máis humana ao espazo público, restrinxindo o tráfico de subida para residentes e transporte público. O obxectivo, dotar a este barrio compostelán dunha zona emblemática de acollida e desfrute de peregrinos e veciños, que disporán da súa pequena praza do Obradoiro.

A actuación nesta praza despexará a entorna coa fin prioritaria de propiciar unha grande praza, homoxénea e continua. Para iso, o proxecto unifica o nivel das dúas entradas principais do mosteiro, a da igrexa e a do hospital.

Configúrase unha praza, que se estende ata o centro social, a escola infantil e centro de saúde. Mantéñense os plátanos actuais e o cruceiro na súa actual situación, pero despéxase o resto da praza o que permite poñer en valor a fachada do mosteiro.

Reordénanse as prazas de carga e descarga e a parada do autobús, e se incorpora mobiliario urbano. O pavimento será homoxéneo e se estenderá ata os rueiros veciños.

Xa fóra da praza, reordénase a sección da rúa Benéfica para asegurar un paso mínimo de 3 m para o tránsito do peregrino, configurándose unha senda na que se disporá novo arborado.

Na Travesía de Torrente ata a rúa da Escurridía, o proxecto considera o mantemento xeral da sección e o pavimento existente, reparando o danado ou inadecuado.

En canto ao tráfico, restrinxirase a circulación na praza do mosteiro de Conxo no sentido de subida, salvo para o autobús urbano e residentes. Esta solución foi tratada cos veciños e coa empresa máis importante da zona.

Esta actuación enmárcase no proxecto para mellorar as entradas dos Camiños de Santiago á cidade de cara ao Xacobeo 2021, actuando ademais no Polígono do Tambre, no Monte do Gozo e nos Concheiros.

A Xunta de Galicia continúa á espera de que o Concello de Santiago cumpra cos seus compromisos de cofinanciamento das intervencións planificadas neste programa de actuacións.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es