CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica a 3ª fase de mellora do sistema de abastecemento do Concello de Cospeito, cun investimento duns 592.000 euros

Estas actuacións, cun prazo duns 11 meses, teñen como fin solucionar as carencias da rede de abastecemento mediante a extensión de conducións xerais e a colocación de puntos de cloración ou mecanismos para medir os caudais

O núcleo de Santa María de Cospeito conectarase co sistema da ETAP de Rábada mediante unha tubaxe e pasará tamén pola Fonte, continuando ata Xermar

Executarase unha segunda condución xeral conectada co sistema da ETAP das Paincegas, que é a que abastecerá ao núcleo de Roás

Prevese a instalación de ramais secundarios das principais conducións , que darán servizo a Xermar norte e sur, A Covela, A Insua, Rioveso-Santalla e A Fonte

Tamén se instalarán caudalímetros electromagnéticos para o control dos caudais subministrados, á saída dos depósitos de Arneiro, Feira do Monte e Muimenta

Estas intervencións danlle continuidade ás acometidas pola Xunta en fases previas, nas que se executou unha ETAP en Rábada ou a mellora no bombeo de captación de Feira do Monte, entre outras actuacións

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a 3ª fase da mellora do sistema de abastecemento do Concello de Cospeito, cun investimento duns 592.000 euros.

Este contrato, que foi adxudicado á empresa Proyecon Galicia S.A., ten un prazo de execución duns 11 meses.

O abastecemento de Cospeito está composto por tres sistemas independentes, en Rábada, As Paincegas e Muimenta, asociado cada un deles a unha estación de tratamento de auga potable (ETAP) propia.

Non obstante, na actualidade os núcleos de Santa María de Cospeito, Xermar e Roás non dispoñen de rede de abastecemento de auga potable. Ademais, excepto a ETAP do Pino, o resto de bombeos e potabilizadoras non constan de elementos necesarios para o control de fallos nos equipos ou obter rexistros e históricos dos caudais tratados.

O proxecto que se vén de adxudicar define as solucións ás citadas carencias, polo que contempla conducións xerais dende a rede existente ata os núcleos sen servizo de abastecemento. O núcleo de Santa María de Cospeito conectarase co sistema da ETAP de Rábada mediante unha tubaxe, pasará pola Fonte e continuará ata Xermar.

Executarase unha segunda condución xeral conectada co sistema da ETAP das Paincegas, que é a que abastecerá ao núcleo de Roás.

Ademais prevese a execución de ramais secundarios das principais conducións proxectadas, que darán servizo a Xermar norte e sur, A Covela, A Insua, Rioveso-Santalla e A Fonte.

Este contrato, co fin de solucionar o problema da cloración debido á lonxitude da rede, inclúe a acometida dunha caseta, sobre a rede na zona de Momán, que albergará un depósito de polietileno.

No marco desta intervención, tamén se instalarán caudalímetros electromagnéticos para o control dos caudais subministrados, á saída dos depósitos de Arneiro, Feira do Monte e Muimenta.

Tamén se colocarán cadros de control para a centralización da información, toma e rexistro de datos. Estarán ubicados no depósito do Pino, na ETAP e depósito de Feira do Monte, na captación de Muimenta ou na potabilizadora das Paincegas e no depósito de Arneiro.

1ª e 2ª fase

Esta terceira fase dálle continuidade ás actuacións que Augas de Galicia vén desenvolvendo nos últimos anos en Cospeito co fin de mellorar o sistema de abastecemento.

Cómpre lembrar que nunha primeira fase, Augas de Galicia executou unha ETAP en Rábada, un depósito de 1.500 m3 e a primeira parte da rede de distribución xeral, que se prolongou posteriormente. Tamén se realizou unha mellora no bombeo de captación de Feira do Monte, que abastece a un depósito de 600 m3 situado no propio núcleo.

A Xunta, nunha segunda fase, efectuou a conexión co depósito de Feira do Monte, na zona alta do colexio, quedando integrado dentro do sistema de Rábada. Esta comunicación logrou resolver as carencias de garantía de subministro que presentaban as captacións en época estival.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es