CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta e Adega renovan a súa colaboración no Proxecto Rios para seguir avanzando na concienciación sobre o coidado das augas fluviais cun programa de voluntariado de referencia estatal

Vázquez Mourelle indica que este acordo, cun investimento autonómico de 50.000 euros, da continuidade ás actividades de participación cidadá coordinadas pola Asociación a través de programas, cursos e accións formativas

A boa aceptación do programa fixo sumar no 2018 a 14 novos grupos de voluntarios para a limpeza e coidado dos ecosistemas fluviais, acadando os 390 grupos e os 4.500 participantes, e adianta que este ano xa hai 17 novos grupos

Indica que este concerto inclúe a prestación de apoio e asesoramento por parte de Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio aos programas formativos que desenvolva a Asociación

Avanza que o convenio impulsa tamén a colaboración para elaborar unha lista que determine os treitos fluviais prioritarios, co obxectivo de lograr a máxima eficiencia no desenvolvemento das actividades de limpeza e inspección programadas

Toda a información recadada estará dispoñible nun portal web cun xeovisor asociado a unha base de datos, no que se organizará e publicará toda a documentación relativa ao Proxecto Ríos

Ames (A Coruña), 14 de maio de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a presidenta da Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia (Adega), Virxinia Rodríguez, asinaron hoxe o convenio polo que se renova a colaboración para seguir avanzando na concienciación, promoción e defensa dos ríos, a través do programa de voluntariado e educación ambiental no que Galicia é referencia estatal, o Proxecto Ríos.

Con este convenio a Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio- e Adega dan continuidade ao desenvolvemento do Proxecto Ríos, cunha achega de 50.000 euros para o desenvolvemento das actividades coordinadas pola asociación ambientalista, de participación cidadá a través de programas accións e actividades formativas cursos ou campañas de limpeza.

A conselleira, acompañada pola presidenta de Adega, deu conta da renovación da colaboración na xornada que compartiron hoxe en Tapia cun grupo de mozos da Asociación Aspanaes nunha das 40 saídas formativas que se desenvolven ao longo do ano no marco do Proxecto Ríos, e onde os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer máis de preto este treito do río Tambre e entender mellor os ríos de Galicia.

Explicou que un ano máis Xunta e Adega unen esforzos no coidado, a limpeza e a protección dos ríos e a súa contorna, que nos últimos anos logrou sumar novas colaboracións como a da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, para a realización de actividades tamén nos ríos desta bacia de competencia estatal.

As cifras de participación do Proxecto Ríos poñen de manifesto a boa acollida que está a ter o programa, e demostra que cada vez hai unha maior concienciación social, un maior respecto pola protección do medio natural e unha maior preocupación e implicación no coidado dos ríos.

No ano 2018 sumáronse ao Proxecto Ríos 14 novos grupos de voluntarios para a limpeza, o coidado e custodia dos ecosistemas fluviais, acadando os 390 grupos e os 4.500 participantes. E no que vai de 2019 os datos están a ser moi positivos, xa que hai xa 17 novos grupos anotados no Proxecto Ríos.

Ethel Vázquez indicou que o convenio asinado hoxe para continuar co programa de educación e voluntariado ambiental, inclúe tamén a prestación de apoio e asesoramento por parte da Xunta aos programas formativos que desenvolva a Asociación.

Avanzou que ademais, Augas de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio e ADEGA colaborarán na elaboración dunha lista que determine os treitos fluviais prioritarios, co obxectivo de lograr a máxima eficiencia no desenvolvemento das actividades de limpeza e inspección programadas. Deste xeito, dixo, toda esta información estará dispoñible nun portal web cun xeovisor asociado a unha base de datos, no que se organizará e publicará toda a documentación relativa ao Proxecto Ríos, para favorecer a participación cidadá.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es