CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

O DOG publica hoxe a aprobación da transferencia ao Concello de Soutomaior da titularidade do treito urbano da vía provincial que coincide coa rúa Rosalía de Castro

Os cambios de titularidade tramítanse conforme coa Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta por proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

Coa transferencia, o Concello será responsable da conservación do tramo e poderá actuar de modo acorde coas súas características

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se aproba a transferencia ao Concello de Soutomaior do treito urbano do viario provincial EP-2908, que comunica Arcade e Amoedo, e que coincide coa rúa municipal Rosalía de Castro. Neste enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este decreto.

O concello pontevedrés solicitou á deputación provincial o cambio de titularidade deste treito de case medio quilómetro de lonxitude, entre os puntos quilométricos 0 e o 0+441. A petición prodúcese tras rematar o organismo provincial a execución do proxecto de mellora da mobilidade peonil na contorna desta estrada a seu paso por Soutomaior.

A Administración provincial de Pontevedra considerou axeitado o cambio de titularidade a prol do entidade local, polo que emite informe favorable para a transferencia deste treito e solicita o cambio de titularidade destas estradas á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

A transferencia a prol do Concello de Soutomaior deste treito provincial tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que deberá ser aprobado por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade, o Concello de Soutomaior terá a competencia para actuar en ambas as vías e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es