CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta licita a redacción do Plan Director do saneamento do centro urbano de Lalín, cun orzamento de preto de 300.000 euros

As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro día 7 de maio para presentar as súas ofertas

Este contrato enmarcase na colaboración da Xunta con concello nesta materia de competencia municipal e permitirá ter un coñecemento real da problemática do sistema de abastecemento no municipio

O Plan parte da necesidade do precario coñecemento da rede de saneamento por parte do concello, tanto das súas instalacións como dos caudais reais de aporte dos diferentes sectores

Os traballos comezarán co inventario da situación actual, a localización dos puntos de vertido ao dominio público hidráulico e a cartografía das zonas de especial protección, zonas de baño e de abastecemento á poboación

Augas de Galicia tamén realizará estudos do aforo de caudais e calibración, encamiñados a validar solucións no saneamento de augas residuais, tanto en tempo seco coma en tempo de choiva

As conclusións destes estudos servirán para definir as actuacións que resulten máis eficaces a nivel técnico, económico e de viabilidade urbanística, para redactar os proxectos construtivos e contratar e executar obras

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de licitar hoxe a redacción do Plan Director do saneamento do centro urbano de Lalín, cun orzamento de preto de 300.000 euros.

As empresas interesada teñen de prazo ata o vindeiro día 7 de maio para presentar as súas ofertas, podendo consultar toda información na Plataforma de Contratos da Xunta.

Con este contrato Augas de Galicia ten como obxectivo a mellora do sistema de saneamento desta localidade pontevedresa, e enmarcase na liña de colaboración da Xunta nesta materia de competencia municipal.

O Plan director parte da necesidade do precario coñecemento da rede de saneamento por parte do concello pontevedrés, tanto dende un punto de vista de instalacións, diámetros e aliviadoiros, como dos caudais reais de aporte dos diferentes sectores.

Os traballos comprendidos no contrato licitado hoxe consisten no apoio técnico a Augas de Galicia no proceso de redacción dun Plan Director que permita ter un coñecemento real da problemática do sistema de saneamento de Lalín.

As tarefas programadas no contrato divídense en distintas fases, sendo a primeira o inventario do estado do sistema actual de saneamento e drenaxe, a localización dos puntos de vertido existentes ao dominio público hidráulico e que poidan incidir directamente na calidade do medio. O traballo inclúe cartografar as zonas de especial protección medioambiental, zonas de baño, e abastecemento á poboación.

Tratase así de coñecer coa maior exactitude posible, as características do sistema de saneamento e inventarialo para plasmar tódolos datos recollidos nun Sistema de Identificación Xeográfica (SIX).

Na segunda fase de redacción deste Plan, Augas de Galicia realizará ademais diferentes estudos do aforo de caudais e calibración, que permitirá acoutar e validar as diferentes actuacións encamiñadas a solucionar dun xeito definitivo o saneamento de augas residuais, tanto en tempo seco coma en tempo de choiva. Tamén servirán para adaptar o sistema de saneamento do Concello de Lalín á lexislación vixente.

Coas conclusión destes estudos, e validadas as diferentes solucións, o organismo Hidráulico de Augas de Galicia procederá á definición das actuacións que resulten máis eficaces a nivel técnico, económico e de viabilidade urbanística, para redactar os proxectos construtivos e contratar e executar obras.

O estudo impulsado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cofinanciase a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Antecedentes que explican a redacción deste Plan

No marco deste traballo da Xunta de apoio, asesoramento e colaboración cos municipios, a licitación do Plan Director do saneamento de Lalín vén motivado polo moi escaso coñecemento por parte do Concello dunha rede que supera os 200 km de colectores -entre redes unitarias, de augas residuais e augas pluviais-, e da que non existe cartografía que permita analizar os problemas e tomar decisións sobre a mesma.

O sistema de saneamento do núcleo urbano do Concello de Lalín está constituído por unha extensa rede de colectores que teñen un claro carácter unitario. A rede está configurada en torno o río Pontiñas, e todo o saneamento do núcleo urbano, dividido en diferentes sectores, conflúe no actual paseo do Pontiñas para discorrer pola súa marxe esquerda ata a EDAR.

Este carácter eminentemente unitario provoca que con pouca precipitación, a capacidade do colector na súa parte baixa se supere e se produzan frecuentes verteduras o medio receptor. Ademais, a capacidade do colector supera a capacidade da Estación Depuradora de Augas Residuais polo que, ao non haber un sistema de control de caudal cara a mesma, prodúcense tamén alivios en época de choiva de auga residual sen depurar.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es