CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez avanza o inicio do trámite ambiental da primeira fase do desdobramento da VAP Nadela-Sarria co obxectivo de licitar as obras este ano cun investimento de 23 millóns de euros

Vázquez Mourelle explica que a tramitación da actuación seguirá coas expropiacións durante o segundo semestre deste ano e, en paralelo, iniciaranse os trámites para ter o proxecto construtivo aprobado neste mesmo período

Indica que a ampliación se inicia neste treito de 11,5 km, onde o incremento do tráfico é cinco veces maior que no conxunto da rede autonómica de estradas

Destaca o esforzo realizado desde a Xunta a prol desta infraestrutura estratéxica na que, desde o 2019 o Goberno galego leva investido máis 135 millóns de euros

Salienta a importancia da intervención desde o punto de vista social e económico, así como o notable aumento da capacidade e dos niveis de servizo para todos os veciños e empresas da zona

Sarria (Lugo), 11 de febreiro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez avanzou o inicio hoxe do trámite ambiental da primeira fase do desdobramento da VAP Nadela-Sarria co obxectivo de licitar as obras este ano cun investimento autonómico de 23 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza coa Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais e Autónomos de Sarria, para informarlles polo miúdo dos pasos dados e os trámites en marcha para facer realidade para facer realidade o desdobramento dunha das principais infraestruturas de vertebración do interior de Galicia, no tramo entre Sarria e A Pobra de San Xiao, en Láncara.

Explicoulles que o seu departamento segue a avanzar nos trámites administrativos do proxecto sometido en xuño de 2018 a información pública, e informoulles que hoxe dáse un paso máis no proceso para superar a avaliación ambiental simplificada desta iniciativa.

Hoxe mesmo, dixo, comeza o período de consultas e informe de impacto ambiental a través da publicación do documento na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, estando a disposición de calquera interesado para a súa consulta e facer as súas achegas.

Destacou que para acurtar ao máximo os prazos previstos o trámite de consultas ambientais establece un período para o estudo de avaliación ambiental que conta cun prazo estimado de 4 meses. A partires de aí, e unha vez se incorporen as cuestións que os técnicos consideren oportunas, aprobarase definitivamente o proxecto de trazado e a información pública prevista para os meses de verán.

A conselleira indicou que a continuación seguirase co trámite expropiatorio durante o 2º semestre deste ano, para en paralelo iniciar os trámites necesarios para ter o proxecto construtivo aprobado no mesmo período.

Deste xeito, subliñou, este mesmo ano está prevista a licitación das obras de conversión da vía de altas prestación en autovía, no tramo comprendido entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, que suporá un investimento aproximado por parte da Xunta de 23 millóns de euros, para mellorar a seguridade viaria e a funcionalidade e o nivel de servizo desta infraestrutura viaria. Isto permitirá, salientou, iniciar as obras no verán que vén, contando cun prazo de execución de 24 meses.

Lembrou que a ampliación se inicia polo desdobramento desta vía de altas prestacións, no treito de 11,5 Km, entra A Pobra de San Xiao e Sarria centro. Treito, no que segundo referiu, se ten detectado que resulta máis necesaria a ampliación da capacidade, posto que conta cunha orografía complicada, con pendentes pronunciadas que reducen a velocidade dos vehículos e diminúen considerablemente as posibilidades de adiantamento.

Esta actuación, incidiu, se xustifica tamén nos datos de incremento do tráfico, cunhas taxas anuais de crecemento en 2016 e 2017 cinco veces maior que no conxunto da rede autonómica de estradas. Unha autovía, que tal e como e lembrou, está deseñada cos criterios técnicos máis esixentes que vai permitir, non só facer o percorrido máis rápido, senón que tamén se fará dun xeito máis seguro e maior confort xa que conta cunha velocidade de proxecto de 120 km/h.

Ethel Vázquez abundou tamén no traballo que se vén facendo co desdobramento desta infraestrutura e a planificación da Xunta desde o inicio das actuacións na mesma. Durante a construción da vía de altas prestacións xa se deixaron preparados os desmontes e as estruturas para acoller a futura ampliación da plataforma, o que permite que os traballos de conversión en autovía sexan moito máis sinxelos e se poidan minimizar as afeccións ao tráfico durante as obras de desdobramento.

En definitiva, remarcou a conselleira, a Xunta está dando novos pasos que supoñen un novo pulo a unha infraestrutura viaria esencial para avanzar no equilibrio territorial e na igualdade de oportunidades dos cidadáns do interior de Galicia. E avanzou que, cumpridos estes fitos, o departamento de Infraestruturas da Xunta poderá iniciar os traballos técnicos para o treito restante.

Finalmente puxo en valor o esforzo realizado a prol desta infraestrutura estratéxica na que, dende o ano 2009, en plena crise económica, o Goberno galego investiu más 135 M€ para facer realidade a conexión a través dunha vía de altas prestacións. E agora, remarcou, esta nova intervención segue a amosar a clara aposta da Xunta por esta infraestrutura, que mellorará as condicións de seguridade e comodidade dos vehículos que actualmente circulan pola vía de altas prestacións e que, desde o punto de vista social e económico, supón ademais un notable aumento da capacidade e dos niveis de servizo desta autovía para todos os veciños e empresas da zona.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es