CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

O avance na execución do viaduto do rego de San Benito permitirá a entrada en servizo da conexión do polígono de San Cibrao das Viñas e a A-52 a mediados de 2020

Vázquez Mourelle explica que esta infraestrutura estratéxica reducirá en máis do 60% o percorrido da conexión actual da zona empresarial coa autovía que vai a Madrid e mellora a seguridade e conectividade coa autovía de Celanova

Indica que o novo trazado de conexión da zona industrial, cunha lonxitude duns 4,5 km, inclúe a reordenación dos accesos, a habilitación de pasos inferiores e superiores e salva o rego San Benito cun novo viaduto de máis de 500 metros

Apunta que a día de hoxe están a realizarse importantes traballos que permiten visualizar os 2 pilares executados e o terceiro en execución no viaduto do rego de San Benito, e outras actuacións na zona da traza do que será a nova vía
 

  • A conselleira de Infraestruturas supervisou hoxe os traballos iniciados o pasado mes de xuño nesta nova vía de altas prestacións, cun investimento de 21,8 M€
  • A conselleira de Infraestruturas supervisou hoxe os traballos iniciados o pasado mes de xuño nesta nova vía de altas prestacións, cun investimento de 21,8 M€

San Cibrao das Viñas (Ourense), 9 de xaneiro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que os traballos que se están a executar no viaduto do Rego de San Benito permite manter a previsión de entrada en servizo desta ambiciosa conexión do polígono de San Cibrao das Viñas e a autovía das Rías Baixas a mediados de 2020, cun investimento autonómico de 21,8 M€ Vázquez Mourelle, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, quixo amosar hoxe en San Cibrao das Viñas o bo ritmo da execución das obras nesta vía de altas prestacións, que cualificou de estratéxica e que permitirá reducir en máis do 60% o percorrido da conexión actual do polígono empresarial coa Autovía que vai a Madrid, incrementando a seguridade viaria e a mellora da conectividade coa autovía de Celanova, remarcou.

Esta vía de novo trazado de conexión da zona industrial, cunha lonxitude duns 4,5 km, discorre polos termos municipais de Taboadela e San Cibrao das Viñas, e comunicará de forma directa e máis áxil a estrada N-525 coa autovía A-52.

Lembrou que a nova estrada disporá de 2 carrís de 3,50 metros en todo o percorrido, contando cun 3º carril durante case a metade da traza. No inicio e no fin do trazado a actuación posibilitará a reordenación dos accesos coa construción de 2 novas glorietas, a habilitación de pasos inferiores e superiores, e permitirá salvar o rego San Benito cun novo viaduto de máis de 500 metros, ademais de mellorar os cruces a distinto nivel coas estradas locais.

Grado de execución dos traballos do arredor do 20%

A conselleira indicou que, a día de hoxe, a actuación iniciada o pasado mes de xuño xa permite visualizar na zona do rego de San Benito, e noutras zonas da traza o que será a nova vía, con importantes traballos en marcha que sitúan o grado de execución dos mesmos en preto do 20%.

Concretou que neste momento están xa executados os desbroces, as demolicións, e iniciadas as escavacións nos desmontes. Estase tamén a traballar na drenaxe e están executados ou en execución os pasos inferiores, que quedarán rematados na primeira semana de febreiro.

De xeito paralelo, engadiu, atópase en plena execución o viaduto do rego de San Benito, que xa ten executados 2 pilares e un terceiro en execución. E tamén están habilitados os camiños de acceso ás pilas do viaduto, con mínimas afeccións, ademais das reposicións de abastecemento e saneamento aos concellos de San Cibrao e Taboadela.

Apuntou tamén que o seu trazado responde eficazmente á necesidade de compatibilizar a menor afección aos terreos, edificacións e infraestruturas xa existentes, cos requirimentos técnicos propios dunha vía destas características. E destacou que na actuación tense en conta ademais todas as sensibilidades dos veciños e veciñas, salvando a árbore centenaria de Santa Marta cunha modificación na pendente do noiro para evitar a súa tala.
A titular de Infraestruturas da Xunta puxo así en valor o ritmo do traballo que se está a desenvolver e indicou que, pese a quedar moito trazado por facer, a Xunta mantén a previsión de posta en servizo do novo vial a mediados do vindeiro ano 2020.

Segundo abundou este novo acceso ao parque empresarial de San Cibrao das Viñas cumprirá o obxectivo de ofrecer mellores e máis oportunidades a esta comarca co obxectivo de reforzar a competitividade e as comunicacións deste gran polo industrial.

En definitiva, concluíu, con esta actuación a Xunta está a atender as necesidades e demandas de comunicación do polígono empresarial de San Cibrao e de toda a comarca, para facer máis competitivo e dinámico todo este centro de actividade económica e industrial de importancia estratéxica para Ourense, e contribuíndo así ao progreso de toda Galicia.
 

Vídeo/s relacionados

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es