CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez avanza o remate para o verán das obras de mellora de seguridade viaria no acceso ao peirao de Portosín, cun investimento duns 500.000 euros

Vázquez Mourelle explica que se construirá unha glorieta nesta intersección co fin de calmar os tráficos e realizar os xiros de forma máis segura

Precisa que se reordenará e urbanizará o espazo sobrante entre a estrada AC-550 e a avenida da Constitución, que lle dá acceso á Igrexa de Goiáns e ao cemiterio, e se habilitará unha zona de aparcadoiro

Tamén se executará unha pequena pasarela de madeira sobre o rego da igrexa para facilitar o acceso desde o aparcadoiro

Os traballos rematarán con novos pasos de peóns, alumeado e a adecuación da rede de pluviais á nova superficie

A conselleira subliña que esta intervención tamén se aproveitou para atender outras demandas veciñais e humanizar este espazo para que os veciños vexan melloradas a súa mobilidade e calidade de vida

Porto do Son (A Coruña), 8 de xaneiro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, supervisou hoxe o inicio das obras de mellora de seguridade na estrada AC-550, no acceso ao peirao de Portosín, cun investimento duns 500.000 euros, que estarán rematadas para o verán.

Vázquez Mourelle explicou que se construirá unha glorieta nesta intersección para calmar os tráficos e realizar os xiros de forma máis segura. Precisou que así se resolverá a problemática deste cruce que se atopa nunha curva de radio reducido, con pouca visibilidade, especialmente para os coches que se incorporan desde a Travesía da Igrexa.

Reordenarase e urbanizarase o espazo sobrante entre a estrada AC-550 e a avenida da Constitución, que lle dá acceso á Igrexa de Goiáns e ao cemiterio, e habilitarase unha zona de aparcadoiro.

Tamén se executará unha pequena pasarela de madeira sobre o rego da igrexa, para facilitar o acceso desde o aparcadoiro. Os traballos rematarán con novos pasos de peóns, alumeado e a adecuación da rede de pluviais á nova superficie.

A conselleira subliñou que esta intervención é importante para garantir a seguridade viaria e tamén se aproveita para atender outras demandas veciñais e humanizar este espazo co obxectivo de que os veciños vexan melloradas a súa mobilidade e calidade de vida.

Destacou a aposta da Xunta por reforzar a seguridade nas estradas autonómicas, materia prioritaria que ten o seu marco no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020, que recolle medidas para reducir nun 50% as vítimas mortais das estradas galegas con respecto ás rexistradas no ano 2011.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es