CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez avanza o remate a finais de 2019 das obras do novo colector xeral e a impulsión en Marín, o que supón un paso máis na mellora do saneamento da ría de Pontevedra

Vázquez Mourelle explica que os traballos consisten na instalación de 1,2 km de novas canalizacións e dunha instalación de bombeo, que evitarán infiltracións de auga do mar e un adecuado funcionamento da rede nos días de máis choiva

Indica que se substituirá o colector xeral por un de maior capacidade, que recolle as augas residuais e percorre a Avda. de Ourense cara a estación de bombeo

Sinala que esta actuación é unha máis das que nos últimos anos a Xunta vén realizando para mellorar o saneamento da ría, na que leva investido máis de 40 M€

Adianta que nos vindeiros días se iniciará a mellora das beiravías, na zona de Mogor, e en xaneiro, a construción da senda Vilaseca – Lapamán, obras que redundarán no incremento da seguridade viaria nesta contorna

  • A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe estas actuacións hidráulicas, que sumadas ás de estradas, significan un investimento en marcha de 5 millóns de euros no Concello de Marín
  • A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe estas actuacións hidráulicas, que sumadas ás de estradas, significan un investimento en marcha de 5 millóns de euros no Concello de Marín

Marín (Pontevedra), 4 de decembro de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, supervisou hoxe as obras do novo colector xeral e a impulsión, que entrarán en funcionamento a finais de 2019, avanzando un paso máis cara a mellora do saneamento da ría de Pontevedra.

Trátase dunhas actuacións, froito da colaboración entre a Xunta e o Concello de Marín, que contan cun investimento de 3,1 M€ para a instalación de 1,2 km de novas canalizacións e dunha nova instalación de bombeo, que permitirán evitar infiltracións de auga do mar e un adecuado funcionamento da rede mesmo nos días de máis choiva.

As obras, que comezaron recentemente, consisten na substitución do actual colector xeral por un de maior capacidade, que recolle as augas residuais de Marín e percorre a Avda. de Ourense cara a estación de bombeo. Ademais, o novo bombeo con depósito de retención funcionará para, nos días de máis choiva, almacenar as augas máis sucias antes de ser bombeadas cara a depuradora.

Este bombeo deséñase deixando o espazo suficiente para ampliar a súa capacidade cando sexa necesario e tamén se derivarán ao mesmo as augas recollidas no colector portuario e se farán outras canalizacións tanto para alivio como para que cheguen as augas residuais ata a depuradora.

Vázquez Mourelle explicou que esta actuación é unha máis das que nos últimos anos a Xunta vén realizando para o saneamento da ría de Pontevedra, na que se leva investido máis de 40 M€. Engadiu que se complementa con outras melloras realizadas polos concellos como o caso de Marín, onde o Goberno municipal continúa avanzando na optimización dos seus colectores secundarios.

Fixo fincapé en que a Xunta é consciente de que as obras causan molestias, máis nunha rúa tan concorrida como a Avda. de Ourense, polo que lle solicitou comprensión aos veciños, aos que lle concretou que se tratará de minimizar a incidencia. Non obstante, subliñou que estas actuacións teñen unha grande importancia ambiental e suporán unha mellora para os milleiros de familias que viven da calidade das augas desta ría.

No que se refire ás infraestruturas viarias, avanzou que a Xunta comezará proximamente a mellora das beiravías, que se vai levar a cabo nos vindeiros días na zona de Mogor, e a senda Vilaseca – Lapamán, que se iniciará en xaneiro. Tamén fixo referencia á reforma da Avda. Concepción Arenal impulsada polo Executivo autonómico, que sumadas as actuacións de saneamento e as de estradas, ten en marcha un investimento duns 5 millóns de euros no Concello de Marín.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es