CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez avanza a próxima licitación da redacción do Plan Director do saneamento do centro urbano de Lalín, cun investimento autonómico de preto de 300.000 euros

Vázquez Mourelle sinala os escasos investimentos do concello nestes últimos 3 anos e medio, que recada anualmente 800.000 euros en taxas finalistas, que deben destinarse á mellora dos sistemas de saneamento, abastecemento e depuración

Subliña que o coñecemento obtido da rede permitirá acoutar as actuacións para solucionar os problemas na depuración das súas augas residuais

Lembra que Augas de Galicia realiza campañas periódicas nas que alerta aos concellos dos incumprimentos dos límites de vertido, subsanando nos últimos anos no municipio a contaminación asociada a 6 puntos de vertido e constatando o incumprimento dos seus límites de vertido en 4 sistemas de depuración

Salienta o compromiso da Xunta coa mellora do sistema de saneamento de Lalín, para o que ultima os pregos técnicos para a redacción do Plan

Adianta que a finais do vindeiro ano disporase das primeiras conclusións dos estudos, para redactar os proxectos e proceder a contratar e executar obras

  • Ethel Vázquez, hoxe, no Parlamento

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta ten prevista a próxima licitación, entre finais deste ano e principios do 2019, da redacción do Plan Director do saneamento do centro urbano de Lalín.

Vázquez Mourelle amosou hoxe no Parlamento de Galicia a disposición absoluta por parte do Goberno galego a prestar apoio, asesoramento e axuda ao concello pontevedrés nesta materia de competencia e responsabilidade municipal.

Explicou que para poder detectar os problemas existentes e tomar decisións sobre as obras a executar, o primeiro que cómpre facer é redactar un Plan director, que é o que se vai facer desde a Xunta.

E indicou que o coñecemento obtido da rede de saneamento do concello, será o que permita no marco do mesmo Plan acoutar e definir as actuacións a executar para solucionar os problemas de depuración de augas residuais de Lalín.

Subliñou que o Plan director esixe un traballo complexo e un necesario rigor técnico, por carecer o Concello de Lalín da información necesaria da súa rede de saneamento, a pesar de que é o responsable do funcionamento das súas infraestruturas e da xestión eficaz do seu sistema de depuración.

Recordou que a Xunta realiza campañas periódicas de inspeccións nas que se alerta aos concellos dos incumprimentos dos límites de vertido para que estes procedan á súa emenda, xa que son os responsables do control destes vertidos. E neste eido, engadiu, nos últimos anos Augas de Galicia presta asesoramento técnico cando o requiren, subsanando nos últimos anos no Concello de Lalín a contaminación asociada a 6 puntos de vertido.

Indicou que no caso de Lalín hai moitos aspectos mellorables, tanto na explotación como no funcionamento dos sistemas de depuración de titularidade municipal, e nas últimas inspeccións efectuadas no municipio constatouse incumprimento dos límites de vertido en 4 sistemas de depuración.

Referiuse aos escasos investimentos realizados polo Concello de Lalín nestes últimos tres anos e medio en materia de saneamento. Cómpre lembrar que só construíron a EDAR na parroquia de Zobra, que non puido entrar en funcionamento porque están sen executar as canalizacións e os colectores necesarios.

E recordou que o Concello de Lalín recada anualmente 800.000 € polas taxas de abastecemento, alcantarillado e depuración, taxas que son finalistas e que deben destinarse á mellora dos seus sistemas de saneamento, abastecemento e depuración.

Ethel Vázquez reiterou que a pesar da pasividade do concello en esta materia, a Xunta apoia, traballa e ten o compromiso de mellora co sistema de saneamento e depuración de Lalín, para o que está ultimando os pregos técnicos necesarios para a redacción do Plan Director do saneamento do centro urbano de Lalín

E adiantou tamén, que a finais do vindeiro ano se disporá das primeiras impresións extraídas destes estudos, para continuar coa redacción dos proxectos construtivos e, sen solución de continuidade, proceder a contratar e executar obras. Actuacións que, tal e como afirmou, son cualitativamente moi importantes, pero relativamente sinxelas, tanto na redacción dos proxectos como na execución das obras.

En definitiva, concluíu, traballo serio e rigoroso da Xunta, que vai a redactar ese Plan Director do saneamento, que determinará onde hai que actuar, e para o que se dispón dun cronograma definido, a partir de que se executarán as obras necesarias no saneamento de Lalín.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es