CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta licita as obras da pasarela que unirá as estacións de tren e autobuses na intermodal de Santiago, cun investimento de 5,6 millóns de euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade se ocupara da contratación e posterior execución desta obra, que se acompasarán coas da nova estación de autobuses xa en construción

No seu conxunto a achega da Xunta á intermodal de Santiago superará os 12 millóns de euros, contribuíndo a desenvolver o potencial que suporá a chegada do AVE a Galicia

A execución da pasarela peonil urbana, que conectará a estación de ferrocarril coa nova estación de autobuses, servirá para a mellora a conexión entre dúas zonas da cidade de Santiago e garantirá o tránsito dos usuarios entre a rúa Clara Campoamor e a estación de ferrocarril

Santiago de Compostela. 8 de outubro de 2018.- A Xunta licita hoxe a contratación da obra da pasarela peonil que conectará as terminais de ferrocarril e autobús na estación intermodal de Santiago, cun orzamento de preto de 5,6 millóns de euros, dos cales a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achegará preto de 1,7 millóns de euros.

Coa licitación desta obra o departamento de Infraestruturas da Xunta confirma o compromiso de axilizar as obras de construción da pasarela, que se acompasarán cos traballos que neste intre están xa en marcha na nova estación de autobuses, na que a Xunta inviste 10,4 millóns de euros.

Ambas intervencións, a nova estación de autobuses e a pasarela de interconexión entre terminais conforman a primeira fase da estación intermodal de Santiago. Co cofinanciamento das obras da pasarela a achega da Xunta á intermodal de Santiago superará os 12 millóns de euros, contribuíndo a desenvolver todo o potencial que suporá a chegada do AVE a Galicia, e estender os seus beneficios máis alá das grandes cidades, xa que os cidadáns que cheguen a Compostela en autobús terán un acceso moito máis áxil e cómodo ao ferrocarril.

Co obxectivo de poder compaxinar o remate das dúas intervencións para que a terminal de autobuses inicie a súa explotación integrada na estación intermodal, a licitación hoxe das obras de construción da pasarela de conexión urbana da estación intermodal de Santiago, cumpre co aprobado a semana pasada no Consello da Xunta. Correspóndelle á consellería licitar e executar estas obras, que financiará cun 30% o custe da nova pasarela, o mesmo que Concello de Santiago, que asumirá ao seu remate a súa conservación. E a entidade pública Adif redactou o proxecto e financiará o 40% das obras.
.
Lembrar que nesta intervención se distinguen 3 zonas representativas, unha cara á cidade, outra que é zona central sobre vías e andéns, nos que a construción estará condicionada polo funcionamento da estación de ferrocarril, e a zona da estación de autobuses.

Todas as actuacións a desenvolver teñen como obxecto a integración da contorna urbana e a procura da harmonía no seu entorno. Isto afecta ao proxecto da pasarela e ao acondicionamento da praza Clara Campoamor por un lado, e á obra da estación de autobuses que xa está executando e os accesos dende a Avenida Clara Campoamor, cuxo proxecto é competencia do Concello.

A execución da pasarela peonil urbana que conectará a estación de ferrocarril coa nova estación de autobuses servirá para a mellora a conexión entre dúas zonas da cidade de Santiago separadas pola infraestrutura ferroviaria, garantindo o tránsito dos usuarios entre a rúa Clara Campoamor e a estación de ferrocarril.

A estrutura da pasarela está formada por dúas partes diferenciadas, a plataforma de formigón e estrutura metálica porticada, dependendo dos usos e da zona sobre a que se sitúe. Terá un ancho que varia entre os 8 e 12 metros, unha altura media de 5 metros e unha lonxitude de vanos que vai dende os 8, aos 12 e 16 metros, ademais a pasarela executarase cuberta con lucernarios e fachadas cun deseño translucido.

Na segunda fase do proxecto, o Ministerio de Fomento completará a reforma da estación de ferrocarril, chegando o investimento total previsto a máis de 41 millóns de euros.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es