Xestor/a de transporte

Para exercer a actividade de transporte público por estrada, xa sexa como traballador/a autónomo/a ou a través dunha sociedade, é necesario contar, entre outros requisitos, coa capacitación profesional axeitada. Sen prexuízo de poder acreditar esta a través de estudos de formación profesional homologables, existe tamén a posibilidade de realizar un exame que convoca anualmente a Dirección Xeral de Mobilidade e que, en caso de superalo, dá lugar á expedición do certificado de competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor/a de transporte en empresas de transporte por estrada.

Compártao :

Compartir

Requisitos para poder concorrer ás probas

Para acceder ás probas de xestor/a de transporte convocadas pola Dirección Xeral de Mobilidade será preciso cumprir, antes da finalización do prazo de presentación das solicitudes, os seguintes requisitos:

  • Posuír algún dos títulos de formación esixidos pola normativa vixente
  • Ter residencia habitual en Galicia, tal e como figura na resolución da convocatoria

Características das probas

De conformidade co que establece o anexo II do Real decreto 1211/1990, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, os exames constarán de dúas partes e efectuaranse en ordenador contestando un cuestionario individualizado.

A primeira proba consistirá en contestar 200 preguntas, cada unha das cales contará con catro respostas alternativas, e a segunda proba consistirá en resolver catro supostos prácticos, nos que a persoa aspirante deberá elixir entre oito respostas alternativas en cada un dos supostos.

O tempo para a realización de cada unha das probas de que consta o exame será de dúas horas.

  • A primeira proba terá unha puntuación máxima de 200 puntos. Cada pregunta correctamente respondida puntuará 1 punto e cada resposta errónea penalizarase descontando un terzo do valor dunha resposta correcta.
  • A segunda proba terá igualmente unha puntuación máxima de 200 puntos. Cada suposto correctamente resolto puntuará 50 puntos e cada suposto erróneo penalizarase descontando un terzo do valor dun suposto correcto.

Para aprobar o exame deberá obterse unha puntuación non inferior ao 50% dos puntos posibles en cada unha das dúas partes, debendo obterse un mínimo do 60% do total dos puntos atribuíbles para o conxunto das dúas probas.

Convocatoria e inscrición

Prevese que as probas se realicen:

  • Entre o 14 de febreiro e 30 de abril, para as solicitudes que se presenten no primeiro período. As probas foron realizadas no mes de abril
  • Entre o 2 de maio e o 31 de agosto, para as solicitudes que se presenten no segundo período. As probas foron realizadas entre o 19 de xuño e o 3 de xullo
  • Entre o 2 de setembro e o 31 de decembro, para as solicitudes que se presenten no terceiro período. Previsiblemente, as probas realizaránse entre o 13 de novembro e o 1 de decembro

 

A orde de chamamento realizaráse de forma análoga ao disposto na Resolución, do 23 de xaneiro de 2023, pola que se fai público o resultado do sorteo ó que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 18, do 26 de xaneiro), polo que a orde de chamamento comezará por aquelas persoas cuxo primeiro apelido comece pola letra “V”.

As persoas inscritas convocaranse con polo menos 10 días naturais de antelación á celebración dos exames. As persoas interesadas poden concorrer indistintamente a cada un dos tres períodos.

De resultar excluída para realizar as probas, a persoa aspirante poderá solicitar a devolución da taxa aboada, presentando para tal fin o modelo normalizado (IF312B). A devolución deberá solicitarse:

  • Entre o 2 e o 31 de maio de 2023, para aquelas solicitudes que se presentasen no primeiro período
  • Entre o 2 e o 30 de setembro de 2023, para as solicitudes que se presentasen no segundo período
  • Entre o 1 e o 31 de xaneiro de 2024, para aquelas solicitudes que se presentasen no terceiro período