Formación inicial

Compártao :

Compartir

Obrigatoriedade da formación inicial

É obrigatorio superar a formación inicial, con carácter previo ao inicio da actividade, para todas aquelas persoas que queiran desenvolver a profesión de condutor/a profesional nunha empresa de transporte por estrada, xa sexa de mercadorías ou de viaxeiros.

Non obstante, estarán exentos da formación inicial os/as condutores/as que sexan titulares dos seguintes permisos de condución:

  • Dunha das categorías D1, D1+E, D, D+E ou dun permiso recoñecido como equivalente, expedido antes do 11 de setembro de 2008.
  • Dunha das categorías C1, C1+E, C, C+E ou dun permiso recoñecido como equivalente, expedido antes do 11 de setembro de 2009.

Nestes casos, non obstante, deberán superar a formación continua, de acordo co calendario que se indica na súa sección, á que se pode acceder no menú situado á esquerda desta páxina web.

Formación nun centro autorizado

A primeira fase da formación inicial consiste na superación dun curso que se imparte e se avalía por un centro de formación. Unicamente poden ofrecer este servizo os centros autorizados para o efecto pola Administración; na sección correspondente da columna da esquerda pode consultar os centros actualmente autorizados en Galicia.

O curso pode prestarse baixo dúas modalidades: ordinaria (de 280 horas de duración) ou acelerada (de 140 horas), e versará sobre as materias que para o efecto establece o Real Decreto 284/2021, do 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada.

Requisitos para poder concorrer ás probas

Unha vez superado o curso, as persoas aspirantes deberán presentarse a un exame convocado pola Dirección Xeral de Mobilidade.

Poderán presentarse a ese exame todas as persoas con independencia do seu lugar de residencia e do lugar en que realizaran o curso preceptivo.

Características das probas

O exame de formación inicial deberá superarse nun prazo non superior a 1 ano contado desde a finalización do curso, e versará sobre o contido das materias incluídas no anexo I do mencionado Real Decreto 284/2021.

O exame consistirá nun exame tipo test de 100 preguntas, cada unha delas con 4 respostas alternativas das cales só unha é correcta, entendendo por tal a máis completa. Non obstante, para aquelas persoas que, logo de superar a formación inicial, estean en posesión dun certificado CAP de mercadorías ou de viaxeiros e que pretendan obter o da outra modalidade, o exame constará só de 25 preguntas.

Cada resposta acertada valorarase con 1 punto, e cada erro restará 0,5 puntos. As preguntas que non se contesten non puntúan positiva nin negativamente.

Para aprobar o exame será preciso obter unha puntuación non inferior á metade do total de puntos posibles.

O tempo de que disporán as persoas aspirantes para realizar a proba será de 2 horas.

Convocatoria e inscrición

Anualmente, a Dirección Xeral de Mobilidade publica no Diario Oficial de Galicia a resolución de convocatoria co calendario das probas. Como mínimo, celébranse seis exames anuais.

A resolución de convocatoria determina tamén os prazos dentro dos cales debe facerse a inscrición. Deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que para tal fin se publica como anexo da resolución. Así mesmo, deberá achegarse o xustificante de pagamento das taxas (polo importe que tamén se sinala na convocatoria) e unha fotocopia do DNI, en caso de que non se autorice a súa consulta telemática.

De resultar excluída ou non admitida para realizar as probas, a persoa aspirante poderá solicitar a devolución da taxa aboada, presentando para tal fin o modelo normalizado que se publica xunto coa convocatoria.