ENCHÚFATE AO MOVEMENTO

Axudas á compra de bicicletas eléctricas de pedaleo asistido e de man para cadeiras de rodas
Programa EBici - a nosa pegada importa
...

Aberto o prazo de solicitude para 2024!

A Xunta de Galicia mantén no ano 2024 o programa EBici, lanzado en 2023 a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dirixido ao fomento do uso de bicicletas eléctricas con pedaleo asistido e de bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, mediante unha liña de subvencións para a súa adquisición. Esta iniciativa entronca cun ámbito de traballo prioritario para a devandita consellería: a mudanza nos hábitos de mobilidade para reducir as repercusións sobre a contorna natural apostando ao tempo por modos de transporte sostibles desde o punto de vista do medio ambiente e saudables para a cidadanía, tanto dende o punto de vista individual como colectivo.

Neste senso, procúrase minimizar o emprego do coche particular e impulsar os modos de transporte non motorizados no ámbito urbano e interurbano de proximidade. Este tipo de movementos concentran gran parte dos desprazamentos cotiás da poboación. Na maioría dos casos, a distancia oscila entre os 2 e os 12 quilómetros, sendo estas marxes asumibles para o seu percorrido en bicicleta ou, no caso de persoas usuarias de cadeiras de rodas, en cadeiras dotadas da denominada terceira roda híbrida ou eléctrica. 

As subvencións do programa EBici están deseñadas para fomentar o uso de bicicletas eléctricas ou bicicletas de man híbridas ou eléctricas, e facilitar a súa compra. Deste xeito, favorecerase que os desprazamentos cotiás de curta distancia se realicen de forma sustentable, reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro ao tempo que se rebaixa a contaminación acústica. Ademais, supón unha mellora na saúde das persoas ao promover a actividade ao ar libre e o exercicio físico. 

Bases do programa EBici

Preguntas frecuentes


Que é o programa EBici?

O Programa EBici é unha iniciativa da Xunta de Galicia a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que ten por obxectivo fomentar a adquisición de bicicletas eléctricas ao tempo que procura reducir a contaminación tanto ambiental como acústica e mellorar a saúde do conxunto da poboación.

Que bicicletas son subvencionables?

Subvencionarase, en réxime de concorrencia non competitiva, a adquisición de bicicletas eléctricas novas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas (que cumpran os requisitos técnicos e de equipamento estándar sinalados no artigo 3 das bases reguladoras).

O importe total asignado en 2024 é de 700.000 euros (700.000,00 €).

A canto ascende a subvención?

A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 50% do prezo da bicicleta eléctrica con pedaleo asistido para un/unha beneficiario/a xeral (cun límite de 500 €).

No caso de integrantes dunha familia numerosa, chegará até o 60% (cun límite de 600).

Por último, o tope para quen forme parte dunha familia numerosa con categoría especial será do 70% (cunha contía máxima de 700 €).

Unha persoa beneficiaria só poderá recibir axuda pola adquisición dunha única bicicleta eléctrica con pedaleo asistido.

Como pode solicitala?

Para ser beneficiario/a terá que tramitar a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publica nesta mesma páxina.

Será a entidade colaboradora a encargada de presentar telematicamente a solicitude de axuda.

Ata cando pode solicitar a subvención?

As axudas correspondentes a 2024 poderán solicitarse ata o 15 de novembro de 2024 ou ata cando se esgoten os fondos.

Cales son os establecementos adheridos a EBici?

Serán entidades colaboradoras os establecementos comerciais situados na Comunidade Autónoma de Galicia que se adheriron a este programa.

Estas entidades exhibirán nos seus centros de traballo ou puntos de venda un cartel identificativo. 

Ademais, nesta páxina pode consultar a listaxe actualizada das entidades colaboradoras adheridas a esta convocatoria de axudas.

Inscríbete no programa!

Apúntate ao movemento EBici da Xunta de Galicia aquí.
Correo de contacto para dúbidas ebici@xunta.gal