Preguntas frecuentes


Cal é o peso máximo que pode ter un vehículo dedicado ao transporte público ou privado complementario para que non sexa obrigatoria a obtención de autorización administrativa?

Os vehículos de menos de 2 Tn. de m.m.a., como é o caso de moitos furgóns, están exentos de autorización administrativa. No caso do transporte privado complementario non será necesario obter autorización administrativa para aqueles vehículos de ata 3,5 Tn de m.m.a.

A que se refire o termo "transporte privado complementario"?

Segundo o art. 102 da Lei 16/87 de 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres (BOE de 31 de xullo de 1987): " Son transportes privados complementarios os que se leven a cabo no marco da súa actuación xeral por empresas ou establecementos con finalidades principais que non son de transporte, como complemento necesario adecuado para o correcto desenvolvemento das actividades principais que ditas empresas ou establecementos realizan".

Como se pode obter a capacitación profesional como transportista?
  • Recoñecemento de oficio. O recoñecemento da capacitación profesional para o transporte vén recollido fundamentalmente pola disposición transitoria primeira da Lei 16/87 de 30 de xullo, e disposición transitoria sexta da O. M. de 28-05-99 que establece o dato fundamental para tal recoñecemento, da necesidade de acreditación do exercicio legal da actividade de transportista a nome propio ou pola empresa na que exerce funcións de dirección efectiva na data de entrada en vigor da Lei 16/87, concretamente o 1 de agosto de 1987. Cabe tamén o recoñecemento de oficio da capacitación profesional para aqueles transportistas de vehículos lixeiros anteriores ao 1 de xaneiro de 1998, e de acordo coas condicións establecidas na Orde Ministerial de 24 de agosto de 1999 (BOE de 7 de setembro) e Orde Ministerial de 28 de febreiro de 2000 (BOE de 9 de marzo).
  • Recoñecemento obtido por exame ou probas de capacitación. De acordo coas probas que cada ano convoca a Dirección Xeral de Mobilidade ao amparo do disposto na Orde Ministerial de 28 de maio de 1999 (BOE de 11 de xuño de 1999).
Quen pode achegar o título de capacitación profesional?

Para considerar cumprido o requisito de capacitación profesional para o exercicio da actividade de transporte de mercadorías, será necesario que se dea, polo menos, unha das dúas seguintes condicións:

  • Que, tratándose dunha empresa individual, a persoa física titular da autorización teña recoñecida a dita capacitación.
  • Que, tratándose dunha sociedade ou cooperativa de traballo asociado, ou dunha empresa individual que non cumpra o requisito a través do seu titular, polo menos unha das persoas que dirixa efectivamente a empresa teña recoñecida a dita capacitación.

Unicamente se entenderá que unha persoa asume a dirección efectiva da empresa cando cumpra conxuntamente os tres seguintes requisitos:

  • Ter conferidos poderes xerais para representar á empresa nas operacións propias do seu tráfico ordinario, xa sexa con carácter exclusivo ou solidaria ou mancomunadamente con outros, existindo constancia do dito apoderamento en rexistro ou documento público.
  • Ter conferido poder de disposición de fondos sobre as principais contas bancarias da empresa para as operacións propias do seu tráfico ordinario, xa sexa con carácter exclusivo ou solidaria ou mancomunadamente con outros.
  • Figurar no plantel de traballadores da empresa, estando dada de alta no réxime que corresponda da Seguridade Social como persoal directivo, ou ser propietaria de, polo menos, un 15 por 100 do capital da empresa.

Cando unha mesma persoa capacite a distintas empresas cuxo capital pertenza en máis dun 50 por 100 a un mesmo titular, bastará con que cumpra o requisito previsto nunha de tales empresas.

Unha mesma persoa non poderá capacitar profesionalmente ao mesmo tempo a máis dunha empresa, salvo no suposto de empresas cuxo capital pertenza en máis dun 50 por 100 a un mesmo titular.